Telecomunicación da UVigo publica unha guía pioneira sobre o uso da IA Xerativa nas aulas

luns, 15 de xullo do 2024 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acaba de publicar unha guía pioneira sobre o uso da Intelixencia Artificial Xerativa (IAX) nas aulas universitarias. Este recurso convertería á Escola “no primeiro centro da institución académica viguesa en regular o uso dunha tecnoloxía cada vez máis omnipresente”, informou a UVigo, salientando algunhas das súas potencialidades principais: é capaz de xerar contido novo, como texto, imaxes ou programas informáticos, e pode empregarse de diversas formas para apoiar a realización de moitas tarefas propias do alumnado e do profesorado universitario.
“A nosa idea é tratar de integrar de forma ética estas ferramentas no día a día do ámbito educativo universitario”, explica a directora da escola, Rebeca P. Díaz, quen engade que se elaboraron dous documentos independentes: un informe de arredor de 40 páxinas sobre o uso da IAX na realización de actividades académicas na universidade, e un segundo documento, máis sintético, dirixido especificamente ao alumnado, con indicacións concretas para os alumnos e alumnas sobre como poden empregar estas tecnoloxías.
A elaboración de ambas guías correu a cargo dun grupo de traballo conformado por máis de vinte docentes de distintos departamentos do centro (Enxeñaría Telemática, Tecnoloxía Electrónica e Teoría do Sinal e da Comunicación), coordinados polo docente Manuel Caeiro Rodríguez e apoiado e impulsado pola dirección da escola. “Todas as persoas que forman parte deste equipo traballan no ámbito da IA aplicado a diferentes ámbitos e, por tanto, teñen un coñecemento moi próximo do seu uso, potencialidades e riscos”, explica Díaz, ao que engade que as novas directrices se aplicarán a moi curto prazo na EET, pero que son abertas a calquera docente e estudante universitario.
Baixo o título Usos da IA Xerativa na docencia. Documento marco na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación os docentes presentan a súa visión sobre o uso da IAX, revisando esta tecnoloxía desde unha perspectiva académica. “Entendemos que IAX está sendo empregada de forma moi proveitosa en ámbitos moi diversos e para distintas tarefas, tamén por nós, docentes e persoal investigador”, explica o coordinador do documento, o profesor Manuel Caeiro, quen insiste en que a IAX é unha ferramenta con gran potencialidade para o traballo nas aulas universitarias. “Consideramos que non debe ser prohibida, entre outros factores porque non é sinxelo poder detectar o seu uso. Pola contra, pensamos que o que debemos facer é aprender e ensinar a utilizala de forma axeitada, é dicir, de forma ética, responsábel e crítica”, recalca Caeiro.
Con ambos documentos a escola busca preparar ao alumnado o mellor posíbel para que se poida desenvolver nun mundo no que a IAX vai ser omnipresente. “Agora ben, tamén somos conscientes de que a IAX non deberá ser utilizada para eludir a realización de actividades necesarias para a aprendizaxe”. Estas dúas cuestións supoñen, a xuízo do equipo redactor das guías, un reto que obrigará a reflexionar e reformular as metodoloxías empregadas actualmente na docencia e a avaliación das materias. “Insistimos en que este reto deberá ser abordado dende o acollemento e a formación, e non dende a prohibición”, insiste Caeiro.
Para logralo o informe conta con varios apartados nos que se debulla esta visión sobre a IAX ao tempo que se presentan os seus fundamentos, limitacións e perigos, suxestións para a elaboración de consultas axeitadas para estas ferramentas, exemplos de uso para profesorado e estudantado, competencias a desenvolver, etc.