Telea integrará a información de todos os dispositivos clínicos do paciente na súa historia clínica

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.

A plataforma galega Telea revolucionará o noso ámbito da eSaúde integrando de xeito automático a información de todos os dispositivos clínicos do paciente no seu historial clínico. Estes datos serán enviados dende aqueles sen a necesidade de facer un rexistro manual do mesmo. Así o deu a coñecer o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen participou este martes 21 en Madrid nunha mesa redonda sobre telemedicina organizada pola Universidade de Navarra.
Engadiu que o SERGAS vén de adxudicar o concurso que integrará en Telea os seguintes dispositivos clínicos: solucións cardioimplantábeis, de bombas de infusión de insulina, de hormonas de crecemento e hemodiálise domiciliaria, “de tal xeito que o persoal sanitario poderá dispoñer de informes periódicos”.
Tamén a finais deste ano, o SERGAS ampliará a funcionalidade da súa carpeta de saúde, sinalou o conselleiro, engadindo que será complementada cun sistema de carpeta persoal do cidadán “que posibilitará unha mellor comunicación entre paciente e profesional á hora de realizar consultas telemáticas, especialmente no ámbito de primaria”. E engadiu: “O cidadán poderá subir á súa carpeta persoal información tan relevante como imaxes de lesións, informes médicos externos ao Sergas, alerxias detectadas ou, incluso, o exercicio físico rexistrado nos dispositivos móbiles”.
Asemade, García Comesaña remarcou que o SERGAS desenvolveu unha aplicación específica para o autoseguimento e xestión da diabetes, que permitirá controlar a inxesta, o exercicio físico e os niveis de glicosa e levar o rexistro da insulina administrada. Esta aplicación estará integrada no sistema Telea e empezará a probarse no último trimestre do ano.

PUBLICIDADE