Tekken 6 e Soulcalibur terán versión para PSP

mércores, 29 de abril do 2009 Marcus Fernández

No Tekken 6 para PSP está confirmada a presenza do loitador español Miguel El Matador Caballero Rojo

A consola portátil de Sony está de sorte, e hoxe anunciáronse un par de lanzamentos de xogos de loita para esta plataforma, que non serán outros que o Tekken 6 e o Soulcalibur, ambos de Namco Bandai.
A PSP xa contara co Tekken: Dark Resurrection, e esta nova entrega sairá para PSP á vez que para PS3 e Xbox 360 o vindeiro outono. A versión portátil contará con modo multi-xogador ad-hoc e opción ghost (para poder descargar datos das partidas doutros xogadores e subir as nosas, podendo así facer comparacións). Os loitadores que se poderán elixir serán os clásicos desta saga e os máis populares de entre os de nova incorporación á mesma.
Pola contra, Soulcalibur: Broken Destiny será a versión portátil do Soul Calibur IV, aínda que sen contar cos personaxes de Star Wars, e contará cos clásicos modos de xogo arcade, versus e survival (así como máis de 80 misións de práctica), permitirá seleccionar entre máis de 20 loitadores (entre os que non faltarán Taki, Mitsurugi, Ivy, Voldo, Siegfried, Hilde ou Cassandra) e incluso contará co modo de creación de personaxes que tanta vida deu á versión para Xbox 360 e PlayStation 3. Cómpre destacar que este título non será unha conversión pura, senón que estará orientado a un público novato neste tipo de xogos.

O Soulcalibur de PSP estará baseado na última entrega da saga para consolas domésticas

PUBLICIDADE