Teimas obtén un recoñecemento internacional pola súa plataforma tecnolóxica ZERØ

xoves, 28 de xaneiro do 2021 S. P.

A empresa galega Teimas, referente en tecnoloxías para favorecer a economía circular e a sustentabilidade (con clientes dentro e fóra do ámbito estatal, incluídas a administración española e 400 empresas centradas na xestión de refugallos), comezou o ano recibindo un importante recoñecemento ao seu labor de desenvolvemento e innovación. Trátase da consecución da etiqueta Solar Impulse Efficient Solutions que concede a Fundación Solar Impulse. Esta distinción acredita a excelencia, a calidade e as contribucións para a protección do medio ambiente da plataforma dixital ZERØ, desenvolvida por Teimas.
Fundada polo explorador suízo Bertrand Piccard, Solar Impulse conta entre os seus colaboradores coa Comisión Europea e a UNFCC. Un dos retos marcados por esta fundación é promover 1.000 tecnoloxías limpas que protexan o medio ambiente de maneira rendible (#1000Solutions). Como paso previo, Solar Impulse selecciona estas tecnoloxías a través da devandita etiqueta Solar Impulse Efficient Solutions, concedida desta volta á empresa de Santiago por un dos seus produtos, ZERØ, unha plataforma dixital que permite ás grandes corporacións cumprir coa normativa de residuos e avanzar nas súas estratexias de sustentabilidade ambiental.

PUBLICIDADE