Tee Travel organizou un presstrip de blogueiros pola Costa da Morte e as Rías Baixas

venres, 4 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

A empresa de Vilagarcía Tee Travel, da que xa temos falado en Código Cero dando conta da súa actividade de promoción da nosa terra botando man da Rede (e convocando axencias de viaxes, operadores, xornalistas e blogueiros do ámbito turístico), organizou os días pasados unha xuntanza-excursión de comunicadores para potenciar “o carácter diferencial dos recursos paisaxísticos, gastronómicos e hostaleiros da Costa da Morte e as Rías Baixas”. O itinerario, un presstrip, desenvolveuse entre o 19 e o 24 de xuño. O obxectivo foi o de xuntar forzas para acadar un mellor coñecemento destes destinos e optimizar a súa comercialización. Na viaxe participaron blogueiros e internautas-viaxeiros de todo o eido estatal, como por exemplo os responsábeis das webs Machbel, Diario dun Viaxeiro ou Galicia Mola, entre outras plataformas de comunicación en liña.
Segundo informa Tee Travel, entre os asistentes ao organizouse un concurso que tivo como base unha rede social cada vez máis usada entre os viaxeiros: Instagram. “A través da etiqueta #teetravelway, os participantes puideron dar voz e testemuño de todo aquilo que espertou a súa curiosidade durante a viaxe”, engade a empresa de Vilagarcía. O gañador foi Frenchi Oubiña (Galicia Mola), que acadou meirande eco social cunha foto da Praia de Traba, e o que levou á súa casa un agasallo “moi especial”: dúas noites en réxime de aloxamento e almorzo en habitación dobre no Gran Hotel A Toxa; amais de sesións diarias de spa.
A maiores, celebrouse outro sorteo paralelo entre as persoas que votaron polas fotos dos participantes do presstrip; desta volta o premio foi unha estancia en réxime de aloxamento e almorzo en habitación dupla na Quinta de San Amaro; e visita a adega da Denominación de Orixe Rías Baixas.
O percorrido comezou o xoves día 19 de xuño en Santiago de Compostela, e os participantes foron recibidos por representantes de Tee Travel e polo seu guía acompañante, Rafa Moscoso. O itinerario fixo paradas en paraxes e establecementos de Santiago, o río Tambre, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Carril, a Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meis, Vilagarcía, O Grove e A Toxa.

PUBLICIDADE