Ted Lasso estará presente no FIFA 23

venres, 23 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Que o FIFA 23 conte coas licenzas para representar as ligas e competicións máis prestixiosas do mundo (LaLiga Santander, Premier League, Bundesliga, Serie A TIM, Ligue 1, MLS, Mundial de Qatar, Champions League, Europa League...) até superar os 700 equipose o cento de estadios non é ningunha sorpresa, pero que incorporen ao AFC Richmond e ao estadio Nelson Road é toda unha sorpresa, xa que supón a incorporación da serie de ficción Ted Lasso de Apple TV+ á competición virtual de fútbol.
Ted Lasso, o adestrador Beard e xogadores como Jamie Tartt, Dani Rojas, Sam Obisanya, Roy Kent e Isaac McAdoo estarán totalmente integrados en FIFA 23, o que será un detalle que agradecerán os seareiros da comedia que trunfou na última edición dos premios Emmy.
No modo Carreira poderase elixir a Ted Lasso como mánager, poderase xestionar o AFC Richmond introducíndoo na Premier League ou calquera outra liga xogable no modo Carreira; aínda que o equipo tamén estará dispoñible para partidos rápidos, amigables en liña e tempadas en liña.
O AFC Richmond tamén estará presente en FIFA 23 Ultimate Team cunha serie de artigos de personalización como equipacións e TIFOS, sendo tamén posible atopar e seleccionar a Ted Lasso ou ao adestrador Beard como mánager.

Tráiler no que anuncian a incorporación de Ted Lasso a FIFA 23

PUBLICIDADE