Tecnoloxía galega rumbo á Feira Magic Internacional de Barcelona

xoves, 20 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Actividade de presentacións nunha das anteriores edicións do salón catalán

Eganet, a asociación TIC galega, vai ter presenza na nova edición da Feira Magic Internacional, que se vai celebrar no Palacio de Congresos de Barcelona entre os días 28 e 30 de novembro. Máis concretamente, a pegada galega no devandito encontro (destinado a informar da actualidade internacional en materia de paraciencia e terapias alternativas) virá da man de ElMuelle, empresa que contará con stand propio especialmente habilitado para esta xuntanza. A achega da devandita firma en Catalunya, que dispón para esta actividade do respaldo do IGAPE e máis da Consellería e Economía, materializarase principalmente en dar a coñecer as súas solucións en novas tecnoloxías de liñas 806 e servizos sobre liñas 902 e tpv virtual. Asemade, informa a propia empresa galega, estás previstas no dito stand unha serie sesións de proba da plataforma de servizos de cobros con tarxetas de crédito a través de tpv virtual: www.etpv.es.
Trátase este dun espazo-servizo en liña desenvolvido de xeito íntegro por ElMuelle e que, entre outras moitas cousas, achega a posibilidade de facer efectivo o cobro de calquera servizo cunha tarxeta de crédito, “de xeito que se deixa marxe para as operacións en tempo real sen necesidade de dispoñer de contas bancarias ou de ter contratado un tpv cunha entidade financeira”, sinala a firma da Pobra, ao que engade que o único requisito esixido para tirar rendemento deste recurso é o de ter un acceso á Rede.
A ferramenta, que ten tras de si un ano de traballo intensivo de construción e desenvolvemento, está arestora en proceso de posta a punto, de aí que até o de agora non fose obxectivo de ningunha presentación oficial. “No mundo globalizado de Internet”, comentan os responsables de ElMuelle ao respecto do carácter innovador da solución que agora dan a coñecer, “os pagos en liña e a facilidade de poñer estes medios ao alcance da man de calquera profesional que precise cobrar con tarxetas de crédito os seus servizos, tanto para as súas webs como para vendas de comercios físicos, constitúe ao noso xuízo unha moi importante vantaxe”.
Sobre Magic Internacional
Segundo informa Eganet nun comunicado en liña, o gran obxectivo do salón Magic Internacional é dar a coñecer a existencia do sector espiritual e alternativo á sociedade actual e activalo cultural e economicamente mediante a divulgación e promoción de empresas e profesionais. Arestora, engade a asociación TIC, constitúe o evento máis grande deste tipo que se celebra en Europa.

PUBLICIDADE