Tecnocom merca Softgal por 20 millóns de euros

venres, 6 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Sede de Softgal en A CoruñaO grupo tecnolóxico Tecnocom anunciou a compra de Softgal á Corporación Caixa Galicia por 20 millóns de euros en efectivo á vez que Caixa Galicia entra no capital de Tecnocom, facéndose co 14,38% da compañía o que lle podería valer a vicepresidencia no consello da mesma.
Con esta operación Tecnocom consolida a súa etapa de crecemento corporativo no negocio de servizos de tecnoloxías de información.
Softgal, pola súa banda, vén sendo o grupo tecnolóxico de referencia en Galicia, liderando o sector galega da consultoría e a integración das TIC, o que permitirá fornecer os servizos de Tecnocom dun maior valor engadido. A empresa galega conta con 287 traballadores de alta cualificación e obtivo en 2005 uns ingresos de máis de 27 millóns de euros, acadando un EBITDA normalizado de 2,7 millóns de euros. Ademais, agardaban uns ingresos de 29 millóns de euros para 2007.
A operación de venda de Softgal a Tecnocom realízase co compromiso da compañía madrileña a “fomentar a presenza e liderado de Softgal en Galicia e a espallar as súas solucións e servizos no resto dos mercados nacionais e internacionais nos que opera”.
Este compromiso parece que se poderá cumprir sen problema dado que Caixa Galicia é agora o primeiro accionista de Tecnocom.

PUBLICIDADE