Tales of Vesperia leva á Xbox 360 a superar en vendas á PS3 no Xapón
luns, 18 de agosto do 2008
- Centos de xaponeses fixeron cola para facerse co agardado xogo no Xapón
As vendas de
consolas de videoxogos parecen ser un elemento orientado directamente polo
catálogo de xogos existentes para as mesmas, ou esa é a única explicación do que
está a acontecer no Xapón, onde a primeiros de mes a
PSP perdeu a súa posición de liderado fronte a Nintendo DS e a
PS3 fixo o propio con respecto da Xbox 360, que curiosamente
conseguiu unhas vendas fortísimas (superando á PS3 e á PS2 xuntas) grazas á estrea
do xogo Tales of Vesperia (un RPG
xaponés). No caso da DS tamén parece que o éxito vén grazas ao lanzamento de Fire Emblem DS.
O caso das consolas portátiles é máis comprensible, pero que a consola de alta
definición de Microsoft que apenas tiña presenza no mercado xaponés estea a ter
tan boas vendas parece ser un bo sinal, e podería manter a tendencia nos
vindeiros meses, por a compañía de Redmond ten pensado lanzar toda unha oferta
do xénero de moda no Xapón (que era unha das principais carencias da Xbox 360,
xunto á falta dun SingStar, o que
tamén arranxarán en breve). O feito de que Final
Fantasy XIII deixe de ser exclusiva para a PS3 e vaia ter unha versión
tamén para Xbox 360 é un factor máis para apostar pola consola de Microsoft
(que é considerablemente máis barata que a de Sony), aínda que é de xustiza
recoñecer que a Nintendo Wii continúa imparable en todo o mundo, superando por
bastante a todos os seus competidores.
- Tales of Vesperia demostrou ser un auténtico xogo vende-consolas
O escenario nipón non parece ter reflexo no resto do mundo, e nos
EE.UU. o que se aprecia é unha baixada considerable na venda de consolas,
que chega a ser do 44,5% no caso da PS3 e do 34,21% no da PSP, sendo a
plataforma que mellor conserva o tipo a Xbox 360 (cunha baixada de apenas un
6,91%), de xeito que a vantaxe que nos últimos meses tiña a PS3 con respecto da
Xbox 360 se vai acurtando ( a consola de Sony vendeu 224,9 milleiros de
unidades en xullo, mentres que a de Microsoft se conformou con 204,8
milleiros). A situación sorprende porque normalmente a venda de consolas se
incrementaba no verán, aínda que o que si medrou foi a venda de xogos (incluíndo
consolas, xogos e accesorios), que gozou
dun incremento interanual do 28%, chegando aos 1,19 millardos no mes
de xullo segundo NDP, aínda que hai que lembrar que en criterios interaunais
incluso as vendas de consolas medraron un 17% (cando o certo é que nos últimos
meses se está a acusar a crise económica nos EE.UU.).
En España aínda non se está a notar a ralentización da economía nas vendas de
xogos, e segundo ADeSe Nintendo
continúa a arrasar en vendas, con 8 dos 10 xogos na listaxe dos máis
vendidos no Estado durante o mes de xullo, encabezados con Wii Fit, Wii Play e Super Smash Bros. Brawl, os 3 para
Nintendo Wii. Os únicos títulos alleos a Nintendo que se cola entre os máis
vendidos serían Metal Gear Solid 4: Guns
of the Patriots (posto 5) e Grand
Theft Auto IV (posto 10) para PlayStation 3. Algo semellante pasa tamén na
listaxe de vendas de PC, na que Los Sims
2 ocupa 7 das 10 primeiras posicións.