Talentia Summit 2019 (Santiago) contará coa participación dun centenar de empresas

venres, 20 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Santiago vai organizar en outubro, a partir do 21, o encontro Talentia Summit 19, unha xuntanza de talento, emprego e innovación que acollerá preto dun centenar de empresas punteiras e personalidades de relevancia, como a ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presentou hoxe os detalles do evento que, segundo fixo saber, insírese no compromiso firme do Concello por “crear emprego cualificado e empresas no ámbito tecnolóxico e cultural”.
Acompañou ao rexedor na presentación o técnico municipal responsábel da área de Emprego, Xavier Ferreiro, quen destacou “o salto cualitativo e cuantitativo” que dá a feira este ano, co obxectivo de internacionalizala xa en 2020. Sobre o programa, salientou os dous días “de feira aberta”, que será "non só un espazo de encontro entre empresas e posíbeis traballadores, senón tamén entre as empresas e provedores de servizos". Ademais, respecto á edición pasada, citou o incremento de postos de traballo ofertados (preto de 850), de empresas presentes (sobre 100) ou de certificados (máis de 25).
Segundo engadiron, esta edición porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030. Sobre este horizonte estará presente, como conferenciante no Foro Talentia, Federico Buyolo, director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030.
Durante tres xornadas (do 21 ao 23 de outubro), a clave do encontro será a potenciación do talento, “dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento”. Doutra banda, os/as participantes poderán presentarse as empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, e asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego.
O luns 23 de setembro abrirase o prazo para reserva de prazas a través da web talentiasummit.com. Dende a organización prevén superar as 3.500 persoas asistentes que participaron na edición do pasado ano, polo que avisan de que as prazas se completarán axiña.

PUBLICIDADE