Tagen Ata lanza unha web para potenciar a presenza en liña do noso pequeno comercio

venres, 2 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Tagen Ata está a presentar estes días un innovador e interesante proxecto de comercio en liña. Segundo nos contan os responsábeis da firma, trátase dunha iniciativa tecnolóxica con feitura de viveiro de experiencias, aberto á participación e a colaboración, disposta para crear diálogo, fronte común e beneficio a tódolos integrantes. A proposta en liña, chamada comercioenrede.com, diríxese a botar abaixo os atrancos que lles impiden aos pequenos negocio vender na Internet. Segundo puidemos saber, tería unha importante base de comunidade 2.0, tentando coller o mellor deste formato e combinalo coa idea dun centro comercial alternativo.
Para incentivar á participación no proxecto do pequeno comercio galego, Tagen Ata e as tendas participantes puxeron en marcha unha campaña de Nadal que ofrece produtos orixinais, exclusivos e de comercio responsábel. A idea central de todo isto, informa a empresa, é levar a Rede ás pequenos establecementos para así fortalecer o compromiso co pequeno negocio local e amosar, claramente, que é posíbel mercar no comercio de sempre aínda que esteamos a moitos quilómetros de distancia.
Trátase dun proxecto aberto que arranca con catro tendas do ámbito local de Ferrolterra: a docería Gascón, a cooperativa de consumo responsable A Xoaniña, a tenda de herbodietética parafarmacia Eva e a tenda de detalles Crisol de Abril.
O obxectivo do proxecto é ir acollendo máis comercios que desexen dar os seus primeiros pasos na rede. Comercioenrede.com, engade Tagen Ata, “quere ser un viveiro de experiencias para o pequeno comercio, impulsando a aprendizaxe para que cada pequena tenda participe e atope o seu propio camiño de venda en Internet”.

PUBLICIDADE