Tagen Ata e a UDC achegan ao alumnado un completo feixe de cursos online

xoves, 17 de marzo do 2016 Fernando Sarasketa

A cooperativa galega Tagen Ata, especializada en formación e ferramentas informáticas libres, está a impulsar o ensino TIC avanzado xunto coa Escola de Relacións Laborais da Universidade da Coruña (ERLAC). Máis en detalle, trátase dunha serie de cursos en liña destinados a ampliar o coñecemento tecnolóxico-dixital da nosa mocidade universitaria. Lembrar que Tagen Ata, firma da que temos falado en Código Cero para salientar a funcionalidade educativa e divulgativa da súa web Formación en Rede, ten unha ampla experiencia no fornecemento de cursos de balde e cursos non gratuítos en liña, “na liña actual de promover un novo concepto de formación áxil, interactiva e en continuo cambio”, salientan as impulsoras da cooperativa. Por exemplo a media ducia de obradoiros postos en marcha co comezo de curso.
Volvendo á andaina formativa encetada coa ERLAC, sinalar que se trata dunha achega situada a medio camiño entre os cursos gratuítos en liña de diferentes universidades de referencia e a formación práctica de profesionais. Con esta iniciativa, a devandita Escola da UDC e Tagen Ata queren sumarse ao “fenómeno de impulso á formación online a través de Internet”.
Segundo explican dende a cooperativa acerca dos obxectivos destas propostas educativas, “moitos son os xigantes cos que parece que se compite nesta nova moda e tendencia”. Por exemplo: Coursera, EDX, Miríada ou o propio Google. “Con todo”, engaden, “desde Formación en Rede de Tagen Ata pensamos que toda a diversidade formativa ofrecida vai completando un universo de novos coñecementos necesarios e aproveitables para os e as futuros profesionais que están reciclándose ou iniciando unha preparación profesional nunha das nosas universidades”.
Ao longo destas semanas Tagen Ata participou na propia ERLAC na presentación das ditas actividades formativas en liña, neste caso centradas na economía social e o cooperativismo, para o estudantado deste centro. “Neste sentido”, comentan dende a cooperativa, “sorprendeunos o escaso coñecemento deste tipo de formación entre os e as universitarios”. Por esta razón, dende Tagen Ata e dende a ERLAC agardan colaborar co traballo de difusión para o coñecemento deste tipo de ensino. Aínda así, engaden, dentro dunha perspectiva actual os cursos “están abertos a calquera persoa que desexe reciclarse”.
A Escola de Relacións Laborais da Coruña e Tagen Ata teñen aberta a matrícula para estas actividades que poden complementar a formación universitaria das e dos profesionais da xestión, relacións laborais ou recursos humanos. Neste lote o alumnado poderá acceder a un curso de Prevención de riscos TIC gratuíto ao matricularse nun dos Cursos de Cooperativismo. A matrícula fica aberta até o 29 de marzo.
Ademais, desde Formación en Rede, de Tagen Ata, ábrese de novo o prazo de matriculación en Docentes eLearning. Até o 15 de abril. O curso comezará o 19 de abril.

Cursos Online de Cooperativismo e Economía Social con Certificado da ERLAC
· Prevención de Riscos Laborais nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Duración: 15 horas. De balde.
· Iniciación á Cooperativa de Traballo. Duración: 34 horas. Prezo: 48,10 euros.
· Formación para o Emprendemento Cooperativo. Duración: 70 horas. Prezo: 100,10 euros.
· Xestión de Cooperativas de Traballo. Duración: 66 horas. Prezo: 94,90 euros.
· Contabilidade para Cooperativas. Duración: 75 horas. Prezo: 107,90 euros.
A estas iniciativas formativas cómpre engadir un Curso Online Docentes eLearning.
· Docentes eLearning. Duración: 60 horas. Prezo: 87 euros.

PUBLICIDADE