Tablet PC resistente de Motion

xoves, 16 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Aínda que no mercado hai cada vez maior variedade de tablets, normalmente falamos de dispositivos con sistemas operativos móbiles, pero dende Motion Computing consideraron axeitado darlle tal forma a un equipo informático máis tradicional, dotándoo dunha grande resistencia, converténdose así nun tablet PC excelente para usos industriais e profesionais, aínda que o seu prezo escape á meirande parte de petos (pode adquirirse por 2.236 dólares).
Os Motion F5t e C5t teñen un peso de 1,5 Kg, poden configurarse con procesadores de nova xeración Intel Core i3, i5 e i7, 1 ou 2 Gb de RAM, unidade SSD de 64 ou 128 Gb, pantalla táctil de 10,4 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, cámaras, USB 3.0, lector de pegadas dixitais integrado, RFID, batería cambiable en quente e opcións para integrarlle un lector de tarxetas con chip e un lector de códigos de barras.
As súas pantallas táctiles poden empregarse tanto cos dedos como cun stylus, de xeito que son unha boa solución para cubrir formularios e manexar o equipo con precisión ou comodidade segundo as circunstancias. Tamén están configurados de xeito que fai moi prácticas as labores de control de inventario, seguimento de produtos ou control de uso, sempre cunha carcasa e unha pantalla resistentes a golpes e caídas, polo que cubriría moitas das prestacións dos Tablet PC que promovía Microsoft hai anos, pero cunha configuración actual que permítelle correr sen problemas Windows 7 (e entendemos que funcionará bastante mellor co futuro Windows 8).


Presentación en vídeo do Motion F5t

A pantalla do tablet PC responde tanto aos dedos como a un stylus
Os novos tablets de Motion poden integrar un lector de códigos de barras
A resistencia destes tablets fainos atinados para usos industriais

PUBLICIDADE