TVGorge permite ver de balde boa parte das series de televisión norteamericanas de éxito

luns, 8 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Para os internautas norteamericanos funciona dende hai bastante tempo, e con grande éxito, unha plataforma de vídeo en liña chamada Hulu que permite acceder ás series de televisión actuais tras a súa emisión, pero o servizo ten restricións xeográficas de xeito que legalmente non podía accederse aos seus contidos dende España, de aí que naza TVGorge, unha plataforma moi semellante que ofrece máis de 125 series de televisión en versión orixinal que poden verse mediante streaming na web, sen precisar dunha descarga previa das mesmas, o que agradará a moitos que non queiran agardar a que cheguen ás canles de televisión españolas, aínda que por desgraza non permiten ver os vídeo con subtítulos, o que dificulta o seu seguimento por parte de usuarios que non teñan un bo nivel de inglés.
Heroes, Dexter, Mad Men, CSI, Perdidos ou Anatomía de Grey son algunhas das series que poden verse en TVGorge, servizo que asegura respectar os dereitos de propiedade intelectual das obras, aínda que resulta bastante difícil de crer, posto que resulta sorprendente que un novo axente do sector poida facer algo dende os seus inicios que plataformas consolidadas aínda non foron quen de abordar.

PUBLICIDADE