TEDxRúaSanFroilán pechará a actual edición de EmpregaTIC en Lugo
mércores, 11 de xaneiro do 2017
A
edición actual do obradoiro EmpregaTIC do Concello de Lugo,
destinado a achegar formación tecnolóxico-dixital á mocidade local
co fin de incrementar a súa empregabilidade, vaise pechar cun evento
que inserirá a cidade galega nos escenarios de desenvolvemento das
prestixiosas charlas TED. O punto e final do dito obradoiro, a
xuntanza TEDxRúaSanFroilán, será o vindeiro 11 de marzo no
MIHL (Museo Interactivo da
Historia de Lugo). O
evento foi dado a coñecer pola concelleira de Economía e Emprego,
Ana Prieto. Na presentación, a edil estivo acompañada polo
equipo do obradoiro EmpregaTIC do Concello, que obtivo a licenza para
traer á cidade de Lugo por primeira vez as charlas TEDx, formato
local das prestixiosas charlas TED.
A
cita contará coa presenza da campioa do mundo de paraduatlón,
Susana Rodríguez, entre “outros relatores dos que se irá
informando os días vindeiros”, segundo avanzou Ana Prieto, que
tamén sinalou que “esta é a primeira vez que se celebran uns
relatorios destas características na cidade, dos que na actualidade
en España hai concedidas 25 licenzas para o ano 2017, que aparecen
recollidas no mapa de ted.com”.
As charlas, engadiu, “pivotarán ao redor do talento como
ferramenta usada para poñer en valor ideas que paga a pena compartir
en diferentes ámbitos, polo que os relatores serán persoas
destacadas que dean a coñecer ideas e ferramentas que poidan
resultar útiles para a sociedade”.
Como
dixemos, o evento porá peche ao obradoiro EmpregaTIC, que conta con
15 alumnos formándose nas áreas de xestión do mercadotecnia,
comunicación e desenvolvemento de produtos multimedia interactivos.
Por esta razón, tamén se aproveitará a devandita cita e o espazo
do MIHL para dar a coñecer o traballo realizado polos mozos e mozas
que participaron nos diferentes obradoiros municipais que deron lugar
ao EmpregaTIC.
Segundo
explicou a concelleira, o aforo está limitado e as entradas para o
evento estarán a disposición dos interesados nas vindeiras semanas,
que as poderán conseguir a través dun concurso, no que se valorará
o talento e a creatividade dos participantes plasmado nun vídeo ou
nunha imaxe. As bases do mesmo publicaranse na páxina web
www.tedxruasanfroilan.com
e nas redes sociais da xornada.