#TEDSaúde convídanos a encher as redes de contidos científicos en galego

xoves, 7 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Comisión de Normalización Lingüística de Farmacia da USC vén de convocar a cuarta edición do concurso #TEDSaúde, dirixido a mobilizar fileiras de voluntarias e voluntarios para acadar máis recursos dixitais e divulgativos sobre ciencias da saúde en galego. No certame, os participantes terán a oportunidade de subtitular vídeos TED sobre a devandita materia.
Segundo explica a organización do concurso, os audiovisuais de TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design, unha organización sen ánimo de lucro dedicada ás Ideas dignas de difundir) son pílulas en liña sobre todo tipo de intervencións e relatorios tecnolóxicos, científicos, artísticos, educativos, políticos ou culturais. A día de hoxe, están á nosa disposición máis de 1.000 charlas TED no sitio web de seu (tamén en YouTube e en iTunes) e é posíbel subtitulalas en diferentes idiomas.
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia quere pór remedio á escaseza de contidos divulgativos relacionados coas ciencias da saúde en galego, de aí que puxera en marcha este certame, que xa vai pola súa cuarta edición. O obxectivo é convidar ao alumnado e ao profesorado a contribuír ao devandito cometido mediante a subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. Graza ás tres edicións anteriores, xa hai 72 vídeos desta área subtitulados ao noso idioma, sinalan dende a Comisión.
A iniciativa ten dúas modalidades: unha para membros da comunidade universitaria da USC non pertencentes á comunidade TED e outra para integrantes desta comunidade. Ao abeiro da primeira categoría, entregarase un premio de 250 euros e un diploma honorífico. Na segunda modalidade o premio será de 150 euros.

PUBLICIDADE