TCL amosa un smartphone conceptual que se transforma en tableta

mércores, 14 de abril do 2021 Marcus Fernández

Nun momento no que nas tendas poden atoparse smartphones encartables e circulan alternativas nas que os móbiles optan por pantallas enrolable, dende TCL sorprenden presentando un móbil conceptual chamado Fold ‘n Roll que mestura ambas tecnoloxías, de xeito que que encartado temos un smartphone cunha pantalla de 6,87 polgadas que pode abrirse para conseguir unha pantalla de 8,85 polgadas, para logo desenrolalo para transformar o smartphone nunha tableta de 10 polgadas.
Como falamos dun produto conceptual, non sabemos se realmente chegará a comercializarse, cando menos na súa forma actual, pois entre outras cousas sorprende o feito de que a súa pantalla encartable estea disposta no exterior do dispositivo, o que Huawei desbotou no seu segundo encartable, dando a entender que no primeiro encartable tal decisión provocou problemas que querían evitar.
En calquera caso, TCL asegura que ao longo do presente ano venderá algún smartphone encartable ou enrolable, e o seu móbil conceptual podería ser unha pequena ollada ao futuro.

JPEG - 79 KB
O TCL Fold ’n Rock sorprende por presentar a súa pantalla encartable na súa cara exterior

PUBLICIDADE