TADEGA mobilízase na Rede a prol dun equipamento tecnolóxico non discriminatorio para os nenos galegos

martes, 2 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

Cómpre recuperar de cando en vez a idea de novas tecnoloxías da información como canles de acceso ou ben como vías de tránsito. De facelo así estaremos en situación de entender un pouco mellor o seguinte: a maior parte do que se desenvolve hoxe nos eidos de hardware, software e servizos en liña só ten en conta á maioría, deixando de lado a un amplo colectivo de persoas con diversidade funcional que teñen os mesmos dereitos fundamentais de acceso ao coñecemento cós demais. A loita contra a discriminación do tecnolóxico é un dos grandes obxectivos de TADEGA (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega), colectivo-foro que leva anos esculcando de preto o que de positivo e negativo teñen as diferentes solucións dixitais para cuestións como a discapacidade, a multiculturalidade, os nosos maiores, o eido rural ou a marxinalidade social.
Pois ben, a asociación galega está estes días a redobrar os seus esforzos no vieiro de garantir a mínima discriminación no noso eido educativo, a xuízo do foro ameazado polo proxecto Abalar, iniciativa para afianzar as canles da información nos colexios e institutos da nosa terra e que entre outras cousas inclúe a achega de 87.400 portátiles para o alumnado galego nun prazo de catro anos.
Para o foro galego, formado por un importante número de profesionais ligados á Educación e á atención á diversidade, é fundamental que se asegure que os ordenadores de Abalar (Escola 2.0) teñan en conta polo miúdo as características e necesidades de todo o alumnado, de aí que o colectivo lanzara xa unha campaña-enquisa para recoller entre a comunidade internauta a máxima cantidade de información sobre as preferencias e os intereses dos profesionais galegos da educación, os pais, os propios estudantes e a nosa sociedade en xeral.
A enquisa, que inclúe cuestións sobre o que se debería facer cos ordenadores ou o que terían que incluír por defecto estes equipos, preséntase deste xeito: “O proxecto Abalar - Escuela 2.0, vai repartir ordenadores ou netbooks aos alumnos, pero, alguén pensou nas características que deberían ter? E para alumnos con necesidades específicas e xa que o ordenador lles suporá tecnoloxía de apoio, serán iguais? E a accesibilidade?... axúdanos a responder todas estas dúbidas e así facer unha proposta seria e partindo da realidade”.
Para TADEGA, é unha realidade que as TIC (novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación) veñen sendo unha nova ferramenta á vez que medios de comunicación múltiples e, no lugar de axudar á integración de todos, aínda incrementan a segregación de quen non pode acceder a elas por causa dos “deficientes e discriminatorios deseños”. O obxectivo da asociación é duplo: por unha banda rachar esta fenda dixital e pola outra investigar, deseñar e propor as ferramentas, as maneiras e os métodos para obter o mellor proveito destas tecnoloxías dixitais nos eidos educativos.

PUBLICIDADE