Synology lanza un NAS capaz de ampliar a nosa cobertura Wi-Fi

luns, 8 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Este mes ponse á venda por uns 250 euros a completa solución para compartir datos sen fíos Synology DiskStation DS213air, que é nunha caixa que pode albergar no seu interior ata 2 discos duros SATA de 2,5 ou 3,5 polgadas (polo que a súa capacidade máxima sería de 8 Tbytes) os que dota de alta conectividade para poder acceder aos mesmos dende distintos equipos grazas a que conta con conectividade Wi-Fi N e Gigabit Ethernet. Pero este dispositivo non se limita a facilitar o acceso en rede a discos duros, senón que aproveita a súa conectividade sen fíos para operar tamén como enrutador sen fíos, incluso accedendo á Rede a través de Wi-Fi, de xeito que podería servir para ampliar a cobertura de Wi-Fi no fogar ou en pequenas empresas onde haxa zonas con mala cobertura.

O NAS conta con 2 portos USB 3.0 e un porto Gigabit Ethernet

Os discos duros conectados no DiskStation DS213air conformarían unha especie de almacenamento na nube dispoñible para ordenadores na nosa rede local ou incluso dende calquera equipo conectado á Internet grazas á tecnoloxía ezCloud de Synology, podendo incluso empregarse a aplicación DS file para acceder aos documentos dende dispositivos con iOS ou con Android. Tamén pode operar como servidor de contidos multimedia, o que resulta ideal para o fogar, pois os contidos almacenados nos discos duros poderían estar dispoñibles dende a aplicación de iTunes e dispositivos con DLNA/UPnP (como televisores conectados ou consolas de videoxogos domésticas).
O DiskStation DS213air inclúe a aplicación Synology Data Replicator para facer copias de seguridade baixo Windows, mentres que os usuarios de equipos de Apple poden aproveitar Time Machine para facer o mesmo.
Se non chegase con albergar 2 discos duros no interior deste NAS, tamén temos a posibilidade de ampliar a súa capacidade mediante ata 2 discos duros externos por USB 3.0. Tamén cómpre destacar que estamos ante un dispositivo que funciona con moitos outros servizos, sendo capaz de albergar páxinas web, servidor de FTP, servidor de correo electrónico... e incluso pode empregarse para descargar documentos con distintos protocolos (que inclúen a BitTorrent e eMule).

PUBLICIDADE