Symantec advirte sobre novos fallos de seguridade en produtos de Microsoft

martes, 4 de setembro do 2007 Matías Olazabal

O caso non é novo nin moito menos. Semella que as carencias en termos de seguridade están á orde do día, e o maior fabricante de software non se dá situado como excepción. A firma responsable do Norton Antivirus, Symantec, vén de dar a alerta por problemas “críticos” na seguridade en varios dos programas máis estendidos da fábrica de Bill Gates, entre os que se inclúen tanto sistemas operativos como programas considerados básicos, na liña do Internet Explorer ou o Office.

Segundo un artigo publicado nun xornal electrónico, “os usuarios empresariais” poderían ser “susceptibles a ataques” con só visitar unha páxina web considerada “maliciosa” e polo visto o problema estaría na “vulnerabilidade” da biblioteca dos motores de interpretación de gráficos Microsoft Windows GDI, que pode ser activada por un metarquivo malicioso de Windows (WMF). Noutros termos: abonda con que visitemos unha páxina na que alguén tivera posto un programa destas características para que outra persoa poida tomar o control dos nosos ordenadores.

Os fallos reciben o cualificativo de “críticos” porque, amais de ser invisibles para o usuario, afectan a unha gran cantidade de plataformas, entre as que se inclúen os sistemas Windows 2000, Windows XP, Server 2003, Vista, Microsoft Office 2003, Office 2007, Office SharePoint Server e Office Groove Server 2007.

PUBLICIDADE