Surface Laptop SE, o portátil barato de Microsoft para uso educativo

mércores, 10 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos meses a educación viviu numerosos cambios e Microsoft quixo abordar esta transformación adaptando o seu sistema operativo e os seus equipos, polo que presentan Windows 11 SE e o Surface Laptop SE, solucións destinadas claramente ás aulas conectadas de educación primaria.
O máis rechamante desta proposta de Microsoft é que os equipos Surface Laptop SE parten dun prezo de 249 dólares, aínda que tamén adiantan que marcas como Acer, Asus, Dell, Dynabook, Fujitsu, HP, JP-IK, Lenovo e Positivo tamén comercializarán nos vindeiros meses equipos semellantes que tamén funcionarán con Windows 11 SE.
Windows 11 SE é unha versión de Windows orientada a educación, centrándose nun contorno sen distraccións (as aplicacións corren a pantalla completa), tirando proveito de aplicacións de Microsoft 365 (con 1 TB de almacenamento na nube), que funcionarán en liña e fóra de liña, ou sexa, que cando os equipos se leven fóra da aula as aplicacións continuarán a funcionar sen problema, sincronizándose coa nube os traballos realizados cando os equipos volvan conectarse nas instalacións educativas.
Este sistema operativo tamén está aberto a aplicacións de terceiros (como Zoom ou Google Chrome) para que as entidades educativas poidan elixir con liberdade as solucións que queren empregar. E de cara aos administradores de sistemas os equipos tamén poden xestionarse con grande facilidade, estando sempre actualizados e respectando as normas establecidas para un uso seguro, conseguido en boa medida pola imposibilidade de que os usuarios instalen aplicacións (xa que tal privilexio será só dos administradores de sistemas).
O Surface Laptop SE chega como o equipo da gama Surface máis económico, cunha pantalla de 11,6 polgadas, cámara web 720p e altofalantes estéreo, cun deseño orientado a que elementos como a pantalla, a batería, o teclado ou a placa base poidan substituírse con certa facilidade, co conseguinte aforro en tempo e cartos para as entidades educativas. O equipo funciona cun procesador Intel Celeron, pode equiparse con 4/8 GB de RAM e 64/128 GB de almacenamento interno (eMMC), conta con Wi-Fi AC e Bluetoth 5.0 LE, pesa 1,112 quilogramos e a súa batería achégalle unha autonomía de até 16 horas de uso, deixando claro que non é un equipo de grande potencia, pero que si resulta óptimo para os usos aos que está orientado.

Vídeo de presentación do novo Surface Laptop SE

PUBLICIDADE