Super Smash Bros. Ultimate destaca no último Nintendo Direct

martes, 12 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración do E3 en Los Ángeles publicouse un novo Nintendo Direct no que, aparte do anuncio do lanzamento de Fortnite para Nintendo Switch hoxe mesmo, centráronse nos lanzamentos que chegarán á Switch nos vindeiros meses, entre os que destaca especialmente Super Smash Bros. Ultimate, xogo que verá a luz o 7 de decembro e que permitirá enfrontar a 8 xogadores á vez en combates cargados de acción.
Un dos puntos fortes de Super Smash Bros. Ultimate será, sen dúbida, o grande cadro de loitadores, xa que decidiron integrar a todos os personaxes presentes nas preto de dúas décadas que ten esta saga, converténdose nun dos meirandes crossovers da historia de Nintendo. Estarán así presentes dende os personaxes dos xogos de Mario, até os de Metroid ou Splatoon, pasando por Ryu, Cloud e Snake, de xeito que os incondicionais da saga estarán encantados de ter a entrega máis completa de todas que, ademais, poderá controlarse cos mandos Joy-Con, o mando Pro e incluso os mandos de Nintendo GameCube (orixinais ou de novo deseño). Ao estarmos ante un xogo de Switch temos como grande vantaxe o poder loitar tanto en mobilidade como no salón da nosa casa, converténdose tamén na entrega máis versátil desta serie.
O xogo será compatible con todas as figuras amiibo da serie Super Smash Bros., así como as figuras dos loitadores presentes (aínda que sexan dun xogo doutra serie).
Nintendo tamén avanzou detalles de Pokémon: Let’s Go Pikachu! e Pokémon: Let’s Go Eevee!, que verán a luz o 16 de novembro, e que tanto poderán mercarse soltos como cunha Poké Ball Plus.
Outros lanzamentos interesantes son o de Super Mario Party para o 5 de outubro, Overcooked! 2 para o 7 de agosto, Octopath Traveler para o 13 de xullo, Killer Queen Black para este ano, Fire Emblem: Three Houses para primavera de 2019, Daemon x Machina para 2019 e Hollow Knight para hoxe mesmo.
Tamén deron conta que este mesmo ano chegarán a Nintendo Switch títulos tan importantes como EA Sports FIFA 19, Monster Hunter Generations Ultimate, Dragon Ball FighterZ, Dark Souls: Remastered, Wolfenstein II: The New Colossus e Starlink: Battle for Atlas, de xeito que a consola de Nintendo vai ter unha segunda metade do ano moi intensa, facéndose cada vez máis atractiva a súa compra, por contar cun catálogo cada vez máis sólido e cun futuro garantido.

Nintendo Direct co gallo do E3 2018

PUBLICIDADE