Super Mario Run precisará de conexión á Rede para funcionar

venres, 9 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Esta semana foi bastante especial para Nintendo, xa que aínda que non presentarán oficialmente a súa consola Nintendo Switch até o 13 de xaneiro, aproveitaron a campaña promocional de Super Mario Run (xogo móbil que o vindeiro día 15 chegará a iOS) para deixar ver a futura consola no programa de televisión de Jimmy Fallon. Deixouse pouco espazo para a nova máquina, xa que non era o momento de detallar información sobre a mesma, pero do que si deron moitos detalles é do que achegará Super Mario Run, e certos elementos poderían non estar carentes de polémica.
Onte mesmo Shigeru Miyamoto participou nun chat coa xente de Mashable sobre Super Mario Run onde o creador de Mario confirmou que o novo xogo para móbiles precisará de conexións a Internet para funcionar, incluso nos modos de xogo máis básicos, como una medida de protección anti-copia, aínda que a conexión á Rede tamén aproveitarase dentro do propio xogo. Tamén recoñeceu que o establecemento dun contorno seguro para o xogo foi un dos motivos que os levou a que Super Mario Run vaia saír inicialmente para iPhone e iPad (polo que a versión para Android inspiraríase no traballo que fagan para iOS).
Dos tres modos de xogo que inclúe o primeiro título móbil de Mario existe un modo historia que si podería funcionar sen conexión á Rede, pero como os outros dous modos teñen unha forte dependencia de datos en liña, consideraron máis atinado que todos os modos de xogo aproveiten as funcionalidades que dá a conectividade en liña.
Super Mario Run sairá á venda o vindeiro xoves, e aínda que poderá descargarse de balde, ofrecerá só unha experiencia limitada que poderiamos considerar como unha demo, de xeito que para ter o xogo completo haberá que pagar 9,99 euros, o que incluirá o acceso a varias actualizacións que o xogo incorporará nos vindeiros meses.

Super Mario Run e a Nintendo Switch no programa televisivo de Jimmy Fallon

PUBLICIDADE