Super Mario Run para iOS chegará o 15 de decembro a 9,99 euros

martes, 15 de novembro do 2016 Marcus Fernández

En setembro sorprenderon anunciando que Mario tería finalmente un xogo oficial para iOS, aínda que non se trataría dun plataformas tradicional, senón que adoptaría a fórmula dos runners do mesmo xeito ao que acontece cos xogos de Rayman, e finalmente detallan as condicións de lanzamento de Super Mario Run, xogo que finalmente verá a luz o 15 de decembro para iPhone e iPad como descarga de balde, pero que precisará dun único pagamento de 9,99 euros para desbloquear o acceso ilimitado aos seus tres modos de xogo dispoñibles inicialmente.
Este xogo precisará de iOS 8.0 ou superior, lanzarase en 151 territorios da App Store e estará localizado ao inglés, xaponés, alemán, francés, español, portugués, italiano, neerlandés, ruso e chinés, buscando chegar así a case todo o mundo de vez, tentando así replicar o éxito que os xogos da saga de Super Mario teñen en consolas de videoxogos tradicionais.
Cómpre lembrar que o xogo chegará a iOS en primicia, non en exclusiva, ou sexa, que prevese que en 2017 tamén conte cunha versión para Android, o que sería un lanzamento moi interesante, para poder comparar o comportamento dos xogos de pagamento nas principais plataformas móbiles nun momento nos que se impuxo o modelo de negocio free-to-play.

Demostración do que ofrecerá Super Mario Run

PUBLICIDADE