Bomberman estrea xogo para Xbox One, PS4 e PC

xoves, 14 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A franquía de xogos de Bomberman (tamén coñecida como Dyna Blaster), nacida en 1983 e que a partires de 1991 comezou a arrasar en salóns recreativos, está de volta con Super Bomberman R¸ xogo que veu a luz o ano pasado para Nintendo Switch, e que hoxe estrou versións para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Steam) a un prezo de 39,99 euros e ofrecendo distintas modalidades de xogo.
Así, tanto podemos gozar do seu Modo Historia para un xogador ou acompañados por un amigo en local; tamén temos un Modo Combate que permitirá xogar até 4/8 xogadores sen conexión ou até 8 xogadores en liña; e incluso incorpora un novo modo competitivo, Grand Prix, no que o traballo en equipo será chave.
Este xogo de estratexia e labirintos presenta uns gráficos modernos e unha perspectiva tridimensional para poder lucir mellor nas máquinas actuais, contando cada plataforma con personaxes adicionais diferentes, de xeito que en PC estará Golden Vic Viper, en PlayStation 4 teremos a Rachet Bomber (inspirado na saga de Ratchet & Clank) e en Xbox One teremos a Master Chief Bomber (inspirado nos xogos de Halo).

Vídeo no que dan conta do lanzamento de Super Bomberman R para Xbox One, PS4 e PC

PUBLICIDADE