Suecia estuda responsabilizar aos provedores de Internet das descargas piratas

xoves, 6 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Ante a abraiante descarga de contidos “protexidos” dende a Rede por medio das conexións de banda ampla, a xustiza sueca vén de propoñer unha medida que paseniño vaise gañando o apoio dos seareiros dos dereitos de autor: a obriga para os provedores de servizos de conexión a Internet de tomar responsabilidades fronte ás condutas “piratas” dos seus clientes.

Segundo un artigo dun xornal en liña, o informe no que se fala da iniciativa que podería acotar o acceso ás descargas das redes P2P foi elaborado pola investigadora do Departamento de Xustiza sueco, Cecilia Renfors, quen propón levar a cabo neste país unha modificación nas leis pertinentes para que os provedores de servizos de Internet (ISPs) estean obrigados a cortar a conexión de aqueles usuarios que “reiteradamente usen a súa posibilidade de acceso para infrinxir a propiedade intelectual dos creadores”.

As medidas suxeridas no informe que foi solicitado polas autoridades da xustiza sueca asegura que “a piratería masiva reduce o incentivo dos investidores en sitios de descarga lexitima, tanto de música como de películas, o que dificulta o desenvolvemento dun sector produtivo de contidos on line”.

Cómpre salientar que na actualidade Suecia enfróntase a un “severo problema” de descargas masivas en liña que supostamente violan a propiedade intelectual, proceso facilitado por programas de intercambio de arquivos e especialmente por sitios de buscadores de torrents. Lonxe de ser unha medida unilateral, a proposta fai un chamamento ao debate sobre o xeito de levar a cabo as devanditas medidas no que se convida a participar tanto ao goberno coma aos propietarios dos dereitos e provedores de internet.

PUBLICIDADE