Sube o prezo oficial de substitución de baterías do iPhone

luns, 16 de setembro do 2024 Marcus Fernández

O estado de saúde das baterías dos iPhone cobrou moito protagonismo nos últimos anos dende que Apple mudou o comportamento de iOS para que os teléfonos reducisen o seu rendemento en función do nivel de degradación, impedindo así unha caída drástica da autonomía que non permitise que durase toda unha xornada. Ante esta situación recomendábase a substitución da batería tras 2-3 anos de uso, conseguindo así un dispositivo que se comporta practicamente como un novo, o que podía facerse por uns 89 euros (ou incluso por 29 euros nunha situación moi específica), o que parecía unha cantidade máis que razoable para incrementar substancialmente a vida do teléfono, pero a cousa estaría a perder atractivo en vista da suba de prezos que veñen de advertir dende MacRumors.
Coas novas tarifas, cambiar a batería dun iPhone 16 Pro ou Pro Max habería que pagar 135 euros ou 109 euros de estarmos ante un iPhone 16 ou 16 Plus ou a calquera dos modelos de iPhone 15 e 14, baixando até os 99 euros no caso dos iPhone 13, 12, 11 e X, mentres que os iPhone 8, 7 e SE terían un prezo de 79 euros, completando así un cadro de tarifas que pode resultar pouco atractivo, levando aos consumidores con teléfonos fóra de garantía a recorrer a servizos de substitución de batería alternativos.