Streets of Rage 2 pódese descargar de balde para móbiles

venres, 21 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Semella que a organización de RetroVigo, encontro que terá lugar durante a fin de semana, tivo unha grande fortuna na elección de temática e data para a súa celebración, xa que este ano centraranse no xénero dos beat’em up e incluso organizan un torneo de Streets of Rage 2, xogo que casualmente esta semana incorpórase á liña SEGA Forever, ou sexa, que podemos descargalo de balde para Android e para iOS, de xeito que os usuarios poden elixir se gozar do xogo de balde con publicidade, ou pagar para eliminar os anuncios.
Podemos entender que quixesen aproveitar o anuncio de que en 2019 teremos Streets of Rage 4 para volver a pór de actualidade as entregas anteriores da saga, que nestas versións para móbiles conservan a esencia das máquinas recreativas orixinais. Cómpre salientar que tanto en iOS como en Android o xogo está adaptado para soportar mandos externos (sistema de control máis preciso e fiel que o uso da pantalla táctil).
Streets of Rage 2 permítenos manexar até a 4 personaxes distintos (con cadanseus ataques especiais), reparte a acción en 8 niveis de desprazamento lateral e conta cun amplo elenco de xefes finais e de metade de fase, aos que irá que ir superando até enfrontarse ao malvado Mr. X.

Vídeo promocional de Streets of Rage 2 para móbiles

PUBLICIDADE