Street Fighter x Tekken estrea versión para iOS

xoves, 20 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Os xogos de loita levan un tempo demostrando que, aínda que o seu control máis cómodo sexan os mandos físicos arcade, poden gozarse con pantallas táctiles, e como claro exemplo Capcom estrea hoxe na App Store a aplicación universal de Street Fighter x Tekken Móvil, que terá un prezo de 3,99 euros, pero que para celebrar o lanzamento do iPhone 5 ofértase temporalmente a 2,39 euros.
O xogo xunta a loitadores das franquías de Street Fighter e Tekken, enfrontándoos en combates únicos, permitindo competir con xogadores de todo o mundo e adaptando o xogo que co mesmo título chegou a consolas hai uns meses (aínda que desta vez só poderemos elixir entre 10 personaxes entre os que non faltan Ryu, Chun-Li, Kazuya ou Nina). Conta con gráficos 3D compatibles coa pantalla Retina dos trebellos móbiles de Apple, sendo compatible co iPhone 4/4S, o iPod Touch de 4ª xeración ou superior e o iPad 2 ou superior, deixando fóra da ecuación ao vello iPad e ao iPhone 3GS.


Trailer de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE