Street Fighter V terá historia cinemática e unha nova beta

luns, 25 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O xogo Street Fighter V está a dar os seus últimos pasos no seu desenvolvemento, tendo prevista a súa derradeira fase de probas entre os días 30 e 31 de xaneiro, de xeito que o 16 de febreiro teriamos por fin unha nova xeración do xogo de loita de referencia mundialmente a nivel competitivo, que será exclusivo para PC e para PlayStation 4 (plataformas para as que pode reservarse a 59,99 e 69,99 euros respectivamente) e incluso permitirá o xogo cruzado.

JPEG - 133.3 KB
O xogo contará con ilustracións de Bengus

Para ir preparando o terreo a este lanzamento, dende Capcom dan conta de que cada personaxe contará cunha historia que ilustrarán con debuxos do xaponés Bengus (que xa traballou noutros títulos de Capcom no pasado), de xeito que os seareiros da saga percibirán certo toque nostálxico ao coñecer algún detalle máis de figuras coas que xa teñen unha certa complicidade ao longo do tempo.
O que si vai estrear Street Fighter V é unha historia cinemática, que somerxerá aos xogadores na mitoloxía da saga, e que chegará como actualización de contido de balde, estando dispoñible a partires do mes de xuño. Esta historia estará enmarcada entre os acontecementos de Street Fighter IV e Street Fighter III, e explicará todo o que aconteceu neses emocionante período de tempo, con M. Bison e Shadaloo recibindo unha grande atención.

Tráler da expansión do xogo que incluirá unha historia cinemática

PUBLICIDADE