Street Fighter V contará cun Ken redeseñado

venres, 10 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Pouco a pouco Capcom vai desvelando os personaxes que estarán presentes no futuro Street Fighter V, no que claramente non sería ningunha sorpresa a presenza de Ken Masters, un dos personaxes principais do xogo, pero a confirmación da súa presenza durante a Comic Con de San Diego foi especialmente rechamante o redeseño desta figura tan representativa, que pasa de ser un clon de Ryu cun cambio de cor de pelo e traxe a contar cunha estética claramente diferenciada.
Para dar conta deste novo personaxe en Street Fighter V publican un trailer do xogo no que podemos ver as súas técnicas habituais en acción e as novas mecánicas de xogo que adoptará na vindeira grande entrega dun título que chegará a PlayStation 4 e PC o ano que vén, aínda que entre os días 23 e 28 de xullo xa ten programada a súa primeira beta, á que poderán acceder usuarios de PlayStation 4, mentres que os de PC deberán agardar ao outono para gozar da súa correspondente fase de probas que permitiralles botar unha primeira ollada ao que promete ser o xogo de referencia nas competicións de loita dos vindeiros anos.


Trailer de presentación de Ken en Street Fighter V

PUBLICIDADE