StickNFind, adhesivos para localizar obxectos mediante Bluetooth 4.0

xoves, 3 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Un novo proxecto de crowdfunding que completou sobradamente o seu financiamento con bastante antelación é o que busca a creación dos adhesivos StickNFind, que co tamaño dunha moeda (cun diámetro de 2,4 centímetros) e un grosor de só 4,1 milímetros agocha un chip Bluetooth e a súa correspondente batería (que tería unha duración de preto dun ano e sería substituíble) para que poida ser localizado a través dunha aplicación para dispositivos con iOS ou Android que gocen de Bluetooth 4.0 (como o iPhone 4S/5, o novo iPad, o iPad mini ou os Samsung GALAXY S III e Note 2) que aproveita as prestacións do perfil de baixo consumo desta tecnoloxía.
Esta solución permitiría a localización das chaves de casa, do mando a distancia ou de calquera outro obxecto susceptible a perderse, ao que podemos pegar un dos adhesivos para atopalos nun contorno de ata 30 metros de distancia.
Estes adhesivos tamén serían lixeiros (4,5 gramos) e poderían convivir no mesmo espazo en bastante cantidade (recoméndase non superar os 20 á vez) podendo xa encargarse para a súa entrega en marzo a prezos que parten dos 35 dólares por 2 unidades ata os 1.400 dólares por 100. Incluíndo portes, poderiamos facernos con 4 adhesivos StickNFind por 61,11 euros, polo que claramente debemos pensar ben os obxectos que queremos localizar, pois non é unha solución precisamente económica (aínda que parece resultar atractiva para moitos consumidores que desexan probar esta experiencia de localización usando o seu smartphone coma se fose un radar).


Vídeo de presentación deste proxecto de crowdfunding

PUBLICIDADE