SteamVR abrirase á realidade mixta de Microsoft esta semana

luns, 13 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A actualización de outono de Windows 10 achegou a realidade mixta a equipos informáticos de todo o mundo e, aínda que os cascos que permiten facer tal aínda non se venden oficialmente en España, tampouco había moita expectación xa que polo momento a cantidade de contidos dispoñibles é moi reducida, o que mudará en breve, xa que aseguran que o vindeiro mércores abrirase o acceso da realidade mixta de Windows aos contidos de realidade virtual de Steam, plataforma que conta con centos de aplicacións e xogos de realidade virtual que até o momento eran compatibles con HTC Vive e Oculus Rift, e que a partires desta semana funcionarán tamén con cascos de Lenovo, Acer, Dell, HP, Samsung...
Até o momento SteamVR só está dispoñible coa realidade mixta de Windows para desenvolvedores, pero este programa en probas abriríase ao público xeral o mércores, o que fará que o número de aplicacións dispoñibles para cascos como o Samsung Odyssey pasen das 62 aplicacións que temos na tenda de Windows 10 aos 251 títulos dispoñibles en Steam, entre os que figuran as experiencias de realidade virtual máis célebres, e que poderán así gozarse coa simplicidade da solución de Microsoft, que destaca principalmente fronte as plataformas de HTC e Oculus por contar cunha instalación moito máis sinxela (reducindo cables e sensores).

PUBLICIDADE