Steam recibe o seu primeiro videoxogo en galego: Bullshot

xoves, 7 de abril do 2016 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos coruñés Gato Salvaje ten un novo produto no forno, emparentado co seu xogo AR-K, chega Bullshot, un xogo de acción run’n run de “espírito retro e macarra” (inspirándose en clásicos como Gryzor e Metal Slug)¸ no que haberá que axudar a Franky F. Frank a combater aos malvados cardesianos, así como aos seus robots e zombis para liberar aos compañeiros rebeldes presos.

JPEG - 386.9 KB
Estamos ante un xogo de acción de desprazamento lateral na liña de Gryzor e Metal Slug

Bullshot ambiéntase no planeta Valer, a 20 anos luz da estación espacial AR-K, poboado polos tranquilos valerianos, agora oprimidos polos seus invasores (os terribles cardesianos), de aí que o valeriano Frank F. Franky, presidente dos Bulls of Anarchy, ocultase a súa identidade para acabar con malvados dende dentro e liberar a toda a súa raza do xugo que os somete. Repartirá as súa aventuras en 3 escenarios, con 3 sub-niveis, buscando unha experiencia arcade pura, como denota o mero feito de que o protagonista careza de límite de munición.

JPEG - 194 KB
O actor Miguel Pernas (Don Carlos na serie Pazo de Familia) pon voz a Franky F. Frank

Cómpre destacar que estamos ante un xogo traducido a 18 linguas, entre as que non falta o galego (de feito, é o primeiro xogo publicado en galego na plataforma Steam), o que denótase especialmente pola súa dobraxe sonora, realizada nos estudios Babalubox da Coruña, onde o actor Miguel Pernas (quen interpreta a Don Carlos na serie Pazo de Familia e no seu día puxo voz ao icónico Magnum na serie da Galega) pon voz ao protagonista desta produción galega, exclamando frases como “manda truco!”, “voute esnaquizar, miñoca!” ou “caralludo!”.
O xogo aínda non está rematado, pero pode adquirirse en Steam como xogo anticipado (a 0,89 euros até o 14 de abril), o que permite gozar xa deste traballo e involucrarse no seu desenvolvemento.

JPEG - 665.1 KB
Na versión en galego de Bullshot podemos escoitar a Franky F. Frank berrar "voute esnaquizar, miñoca!".
JPEG - 98.5 KB
Polo momento está prevista a localización de Bullshot a 18 linguas distintas

Tráiler en galego de Bullshot

PUBLICIDADE