Stallman dimite do MIT e da FSF tras filtrarse mensaxes nas que defende o abuso a menores

martes, 17 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A figura máis representativa a nivel mundial do fenómeno do software libre, Richard Stallman, está a vivir un dos momentos máis escuros da súa vida, tras filtrarse correos electrónicos seus nos que suxire que as vítimas dos abusos sexuais de Jeffrey Epstein foron «completamente voluntarias», o que levou a que unha graduada do MIT reivindicase publicamente a expulsión de Stallman da institución universitaria acusando a Stallman de tolerar o abuso infantil e de considerar que a partires dos 15 anos non pode falarse de pornografía infantil nin pederastia, defendendo que as relacións sexuais cunha persoa menor de idade non é violación (pese a que a lexislación diga o contrario).
A divulgación destas opinións de Stallman levaron a que onte publicase a dimisión do seu posto no CSAIL (laboratorio do MIT) «por mor dunhas serie de malas interpretacións e descricións erradas», á vez que a Free Software Foundation (FSF) tamén publicou un breve comunicado anunciando a dimisión do presidente e fundador do organismo, que deberá agora atopar un novo presidente.
Temos así o que podería converterse no ocaso dunha figura pública que caería baixo o movemento coñecido como #MeToo, e que tería moi complicada a restitución da súa imaxe, polas súas manifestacións totalmente opostas ao discurso social imperante, no que os esforzos están a centrarse en achegar ás mulleres aos ámbitos STEM, en vez de a culpabilizar as mulleres das agresións sexuais que padecen.

PUBLICIDADE