Stadia será a nova plataforma de xogos en streaming de Google

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Dentro da Game Developers Conference, que até o venres ten lugar en San Francisco (California), Google realizou unha conferencia de grande impacto ao presentar en sociedade a súa nova plataforma de xogo en liña, Stadia, que promete revolucionar o lecer electrónico ao ofrecer videoxogos ao instante a todo tipo de pantalla, ou sexa, que os xogos corren na nube para visualizarse na pantalla dun smartphone, dunha tableta, dun ordenador de escritorio ou portátil (incluso de pouca potencia) e mesmo un televisor.

Vídeo coa presentación de Google na GDC

Esta nova plataforma de videoxogos pretende ofrecer inicialmente xogos que corran até a 4K con HDR a 60 imaxes por segundo e con son envolvente, ou sexa, cunhas prestacións propias das consolas domésticas máis potentes e, de feito, dende Google aseguran que a potencia gráfica coa que contaría inicialmente cada instancia de Stadia superaría á da PS4 Pro e a Xbox One X xuntas, coa vantaxe adicional de que continuarían a medrar en capacidade de xeito que no futuro poderían chegar a ofrecer xogos en 8K a 120 fotogramas por segundo sen que o usuario teña que realizar investimentos en hardware.
O software de Stadia corre nos servidores de Google repartidos por todo o mundo, o que permitirá que este servizo poida estrearse en EE.UU., Canadá, Reino Unido e boa parte de Europa (sen confirmar se España está entre a selección inicial de países) durante este mesmo ano, pero esta infraestrutura de rede tamén xogaría co feito de que YouTube pertence a Google, ou sexa, que Stadia estará moi ben integrado con YouTube para a retransmisión de partidas en vivo, chegando estas emisións á mesma resolución para os espectadores que para o xogador principal, polo que a experiencia de visionado non tería rival actualmente, e tamén aproveitaría as retransmisións como canle promocional dos xogos (xa que poderían xogarse practicamente ao instante) e tamén dos streamers (que poderían, por exemplo, xestionar unha cola de xogadores contras os que competir en liña).
Aínda que Stadia funcione practicamente con calquera mando de xogo do mercado, Google tamén lanzará un mando específico que incluirá botóns para compartir contidos dos xogos en liña e para invocar ao Asistente de Google (co que poderá falarse a través do micrófono integrado no mando) e, como detalle especialmente rechamante, o mando conectarase directamente a Wi-Fi, para comunicarse cos servidores de Stadia con independencia da pantalla que se empregue para a visualización, ou sexa, reducindo retardos.
Na presentación realizada na GDC puido verse o xogo Assassin’s Creed Odyssey nun portátil Pixelbook, nun ordenador de sobremesa moi básico, nun smartphone Pixel 3 XL, nunha tableta Pixel Slate e nun televisor conectado a un Chromecast Ultra, deixando claro que o sistema funciona con diferentes tipos de mandos. Deixáronse ver en acción os xogos Doom: Eternal, NBA 2K9, e Shadow of the Tomb Raider; confirmouse que os xogos para esta plataforma poden desenvolverse con motores como Unity e Unreal, sendo compatible con motor de físicas Havok; pero polo momento non sabemos cantos estudios apoiarán esta iniciativa, o catálogo de xogos que ofrecerán, os modelos de negocio polos que apostarán, os prezos que terán os xogos e o servizos ou incluso se haberá xeito de poder gozar de Stadia en iOS. O que si parece claro é que Google está a tomarse esta aposta en serio, e para demostralo anunciaron o nacemento do estudio de videoxogos Stadia Games and Entertainment, que estará dirixido por Jade Raymond, unha figura moi recoñecida no sector dende o lanzamento dos primeiros Assassin’s Creed.
Moitas son as incógnitas sobre Stadia, pero vendo que Microsoft vai presentar este mesmo ano outro servizo semellante, mentres que Sony ten PlayStation Now, podemos ter a impresión de que as grandes compañías non queren perder a oportunidade de tomar posicións no que podería ser o futuro da industria do lecer con maior facturación na actualidade.

Vídeo de presentación de Stadia

PUBLICIDADE