Stadia Pro comezará a funcionar o 19 de novembro

martes, 15 de outubro do 2019 Marcus Fernández

No evento de presentación dos novos Pixel 4 dende Google anunciaron que o seu prometedor servizo de xogo na nube, Stadia, botará a andar o vindeiro 19 de novembro, aínda que cómpre advertir que inicialmente só estaría dispoñible para os que adquirisen un dos lotes que combinan un mando, un Chromecast Ultra e tres meses de subscrición a Stadia Pro, ou sexa, que o servizo de balde limitado a gráficos Full HD non estará dispoñible até dentro duns meses.
Con Stadia Pro poderemos gozar de xogos en streaming con resolución 4K e HDR, así como con son 5.1, pero inicialmente a experiencia está limitada a moi poucos dispositivos, como serían o Chromecast Ultra ou smartphones da serie Pixel, que irán ampliándose paulatinamente de xeito que no futuro Stadia promete ser unha das plataformas de xogo máis accesibles, de xeito que quen queira gozar dun xogo con grandes esixencias de hardware non teña que mercar unha consola de nova xeración ou nin sequera teña que estar no seu domicilio, xa que poderemos gozar do servizo en mobilidade (sempre que teñamos un acceso á Rede o suficientemente rápido).
Cómpre advertir que Stadia realmente é unha consola virtual e non un servizo de subscrición de xogos, aínda que os usuarios de Stadia Pro poderán ter inicialmente acceso sen cargo adicional a Destiny 2. Outros xogos de lanzamento como Red Dead Redemption 2, Mortal Kombat 11 ou Kine terán que adquirirse dixitalmente para poder gozalos nesta plataforma en liña, de xeito que podemos aforrar o custo da consola, pero non o dos xogos, sendo este elemento moi interesante de analizar nos vindeiros meses, xa que, de existir unha competencia de prezos semellante á que podemos ver en plataformas como Steam, as ofertas, as rebaixas e as vendas en lote poderían ser grandes reclamos para achegarse a este novo xeito de xogar.

Vídeo no que explican o funcionamento de Stadia

PUBLICIDADE