Spotify permitirá consultar información sobre as cancións que esteamos a escoitar

venres, 6 de febreiro do 2026 Redacción

Spotify vén de presentar About the Song, unha nova funcionalidade en fase beta deseñada para ofrecer aos oíntes máis contexto e información sobre as cancións que escoitan. A proposta busca achegar historias, significados e detalles do proceso creativo directamente á experiencia de reprodución musical, o que pode lembrar ao vello programa Pop Up Video da canle musical VH1, no que ofrecían pílulas informativas complementando vídeos musicais.
A ferramenta intégrase na vista de reprodución da aplicación móbil e amosa unha serie de tarxetas narrativas desprazables que explican a orixe dunha canción, as súas inspiracións ou anécdotas do seu desenvolvemento. Estes contidos elabóranse a partir de fontes externas e están pensados para complementar a escoita con información de carácter divulgativo e entre bastidores.
Na súa primeira fase, About the Song está dispoñible unicamente para usuarios Premium e só en inglés en dispositivos móbiles en Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Irlanda, Nova Zelandia e Australia.
O acceso á funcionalidade é sinxelo: durante a reprodución dunha canción compatible, cómpre abrir a vista de reprodución, desprazarse cara abaixo e localizar a tarxeta About the Song. A partir de aí, o usuario pode pasar polas distintas tarxetas para descubrir a historia asociada ao tema. Spotify indica ademais que tanto os artistas como os oíntes poden enviar comentarios directamente desde estas tarxetas, co obxectivo de mellorar a experiencia ao longo do tempo.