Splatoon 2 chega ás tendas

venres, 21 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A Nintendo Switch está a ter un éxito moi superior do esperado, e hoxe escribe un novo capítulo da súa historia co lanzamento de Splatoon 2, xogo que pretende que a nova consola entre no sector dos eSports, ou sexa, que desate o furor do xogo competitivo en liña.
O primeiro Splatoon xa demostrou ser todo un acerto ao coller o xénero dos shooters e adaptalo a todos os públicos simplemente con mudar as armas de fogo con armas de pintura. En Splatoon 2 poderase gozar tanto en liña como en local de enfrontamentos de 4 contra 4 mentres se reparte tinta para pintar cada escenario coas cores de cada equipo; aínda que os usuarios menos competitivos tamén poden xuntar forzas nun modo cooperativo no que catro xogadores deberán derrotar a hordas de salmónidos no novo modo de xogo Salmon Run.
Este xogo pode considerarse un simple lavado de cara da súa anterior entrega, pero adaptando o título a unha nova plataforma, o que abre a porta a unha nova prestación: o servizo SplatNet 2, que non só permite ver os resultados dos combates, o rexistro en liña das armas empregadas ou os progresos no modo Historia, senón que tamén permite compartir os rexistros nas redes sociais e, apoiándose na aplicación móbil Nintendo Switch Online poderase combinar cun chat por voz.
Ao lanzamento de Splatoon 2 acompáñao a posta á venda de 3 novas figuras amiibo de Splatoon (inkling chica, inkling chico e inkling calamar), varios accesorios e incluso un lote de consola Nintendo Switch que inclúe un código de descarga de Splatoon 2.

Hoxe sae á venda un lote de Nintendo Switch que inclúe un código de descarga de Splatoon 2

Tráiler de lanzamento de Splatoon 2

PUBLICIDADE