Sphero celebra o Force Friday con novos droides

venres, 1 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Anticipándose á estrea de Star Wars: El Despertar de la Fuerza, o 4 de setembro de 2015 celebrouse o primeiro Force Friday, un evento destinado a lanzar numerosas figuras, libros e mercadotecnia en xeral relativa ao mundo de Star Wars e que hoxe mesmo celebra a súa segunda edición por mor da proximidade da estrea de Star Wars: Los Últimos Jedi, o que levou a que un dos xoguetes tecnolóxicos de maior influencia dos últimos anos, o Sphero, amplíe a súa familia de droides.
Deste xeito, ao BB-8 de Sphero súmase agora a súa versión escura, BB-9E, un Astromech Droid da Primeira Orde, e unha pequena sorpresa, R2-D2, o Astromech Droid da Resistencia, que resulta especialmente rechamante por non ter un deseño esférico (o que o leva a alternar posturas de 2 e 3 patas e mesmos a balancearse de xeito expresivo), aínda que está parello cos outros xoguetes de Sphero en prestacións. O BB-8 de Sphero tamén se actualiza co gallo do novo filme de Star Wars.
Nos tres casos temos pequenos droides que poden controlarse a distancia dende o smartphone ou tableta, permiten vivir experiencias de realidade aumentada e incluso poden acompañarnos durante o visionado das películas da franquía galáctica. No caso de BB-9E destaca o feito de que o xoguete incorpora vibrantes luces LED e reacciona ante a presenza humana grazas a sensores integrados, como tamén faría R2-D2, droide que tamén integraría un altofalante para reproducir os sons característicos do célebre personaxe. De feito, que R2-D2 sexa máis completo que os seus irmáns é algo que nótase no seu prezo, que é de 200 euros, mentres que os compañeiros esféricos están á venda por 170 euros.

Os droides de Sphero poden controlarse a distancia a través dunha aplicación para dispositivos móbiles

Vídeo promocional dos novos droides de Sphero

PUBLICIDADE