South Park combate a piratería publicando de balde tódolos seus episodios na Internet

martes, 25 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Unha das series de televisión con máis presenza na Internet de xeito continuado é South Park, de xeito que os seus responsables se teñen que enfrontar constantemente á distribución dos episodios emitidos por Comedy Central en servizos de vídeo coma YouTube (así como a través de redes P2P).
Pero para loitar contra este inevitable fenómeno decidiron renovar a web de South Park Studios engadindo a posibilidade de ver calquera dos episodios das 12 tempadas da serie (que xa suman 169 entregas) creada polos xeniais Matt Stone e Trey Parker, así como poder ver cortes independentes cos mellores momentos da serie.
Nun principio esta estratexia pareceríase á de moitas canles de televisión que están a ofrecer xa a súa programación pola Rede nos EE.UU., pero no caso de South Park van máis aló, pois os mellores cortes (preto de 3.000) dos episodios publicados na súa web tamén se poden incrustar en webs alleas, de xeito que os blogueiros xa poden comentar os episodios de Stan, Kyle, Cartman e Kenny respectando os dereitos dos mesmos e sen ter que utilizar copias de baixa calidade de plataformas de vídeo de uso xeral (aínda que para ver os episodios enteiros deberán visitar a nova web).


Un dos cortes da serie no que se parodia a cabeceira da serie Buck Rogers no século XXV

O propio Matt Stone declarou que sempre gustaron do feito de que moita xente compartise a súa serie a través da Internet, pero destacou que «a nova web fai máis doado á xente ver e compartir South Park». Amais, «cada episodio e corte estará dispoñible en todo o mundo» polo que os seguidores da serie xa contan cunha alternativa legal e global (mentres outras plataformas só están accesibles dende EE.UU. por conflitos cos dereitos de explotación dos contidos audiovisuais).
Os novos episodios da serie tamén se poderán ver a través da Internet no mesmo día da súa emisión por televisión.
A nova web permite así que tanto Comedy Central coa os creadores de South Park se beneficien do éxito da serie na Internet (repartiranse os beneficios ó 50%) e tamén a empregarán Matt Stone e Trey Parker para lanzar outros proxectos de animación no futuro.