Soul Sacrifice para PS Vita chega ás tendas

martes, 30 de abril do 2013 Marcus Fernández

Aínda que a PS Vita pareza unha consola portátil case invisible no mercado, hai xogos que contribúen a pola en valor, como o agardado Soul Sacrifice, que chega hoxe ás tendas españolas a un prezo recomendado de 39,99 euros e estando tamén dispoñible nun lote no que se vende cunha PS Vita.
Este xogo creado por Keiji Inafune (creador de Mega Man e Dead Rising) dende o Japan Studio é unha mestura de rol e acción con grande violencia, no que o xogador sitúase nun mundo ceo de terroríficos seres mitolóxicos contra os que haberá que loitar, podendo decidir o que facer coa alma dos inimigos derrotados (o que afectará á evolución dos personaxes, incrementando a vida e a defensa ou a maxia e o poder segundo se decida entre salvar ou sacrificar estes elementos chave no xogo).
O xogo ten un aspecto visual destacable, e a súa compaña fóra de liña pode durar máis de 20 horas, pero a vida do xogo pode ser moito máis longa por incorporar tamén un modo aventura de 4 xogadores en liña.

No xogo haberá que enfrontarse a temibles criaturas mitolóxicas


Trailer de lanzamento de Soul Sacrifice

PUBLICIDADE