Sony vendeu 7,1 millóns de PlayStation 5 no último trimestre

xoves, 2 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Os resultados económicos de Sony para o último trimestre de 2022 recollen uns datos moi positivos para as vendas da PlayStation 5, consola que nos dous últimos anos non conseguía fabricarse en cantidades suficientes para satisfacer a demanda, polo que rexistraba unhas vendas moi inferiores ao desexado, pero finalmente imos camiño dunha normalización das existencia da PS5, e nos tres últimos meses tería vendido 7,1 millóns de unidades, cando no mesmo período de 2021 as vendas quedaran en 3,9 millóns.
Grazas a este incremento das vendas xa podemos falar dun parque de máis de 32,1 millóns de consolas PlayStation 5 a nivel mundial, e todo apunta a que Sony superará sen problema os 19 millóns de consolas que tiña previsto vender no presente ano fiscal (que remata en marzo).
Sony tamén pode presumir de 46,4 millóns de subscritores de PlayStation Plus (o que supón unha fonte de ingresos constante) e, grazas a que por fin hai un parque aceptable de consolas, os xogos para PS4 e PS5 tamén melloran considerablemente as súas vendas, cun total de 86,5 millóns de videoxogos, dos que 20,8 corresponderían a título da propia Sony. É interesante destacar que o 62% das vendas corresponderían a xogos en formato descargable, deixando caer que as consolas avanzan con forza polo mesmo camiño que xa percorreu o PC cos seus xogos, facendo que os xogos en soporte físico pasen a ser algo anecdótico (como podemos constatar con moitos xogos que ao abrir a súa caixa en vez de atopar un disco temos un código de descarga).

PUBLICIDADE