Sony traballa nun eReader/caderno con pantalla de 13,3 polgadas

luns, 13 de maio do 2013 Marcus Fernández

Aínda que os lectores de libros electrónicos parecen acorados no formato das 6 polgadas (lembremos que Kindle DX con pantalla de ,97 polgadas é o grande esquecido de Amazon), Sony atrévese a explorar tamaños maiores, e está a traballar nun dispositivo con pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 1.200 x 1.600 píxeles que busca presentarse como traslado directo do tamaño DIN A4, facilitando así o traslado directo do papel a este dispositivo que como grandes vantaxes tería un grosor de só 6,8 milímetros, un peso de 385 gramos e a posibilidade de funcionar en condicións de alta luminosidade.
Este prototipo de Sony contaría tamén cun lapis para poder tomar notas sobre a pantalla, conta con 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) e Wi-Fi, sendo capaz de funcionar durante unhas 3 semanas (co Wi-Fi desactivado), polo que podería ser unha interesante solución para usos educativos.
Aínda que está en fase de probas (queren empregalo durante varios meses en 3 universidades nipoas para comprobar o seu funcionamento en contornos reais), Sony agarda poder comercializar este eReader con elementos de caderno dentro do actual ano fiscal.

PUBLICIDADE