Sony presentará unha cámara 3D cunha única lente

xoves, 1 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O vindeiro día 6 comeza en Chiba (Xapón) a feira CEATEC JAPAN 2009, e Sony aproveitará o evento para presentar unha nova cámara de vídeo capaz de gravar imaxes en 3D cunha única lente, o que facilitaría considerablemente a produción de contidos estereoscópicos, que habitualmente precisa de dúas cámaras separadas a unha distancia tal que imite a distancia entre os ollos dunha persoa, o que tecnicamente resulta bastante complexo e que cunha única lente sería menos problemático. Ao rexistrar as imaxes en 3D cunha única lente evítanse moitos problemas de coordinación de cámaras para evitar discrepancias de eixe, de tamaño de imaxe ou de foco, mentres que a separación das imaxes correspondentes a cada ollo pódese simular internamente.
Esta cámara non serviría só para crear vídeo en 3D, senón que tamén sería ideal para a gravación de eventos deportivos, ao ser capaz de gravar vídeo a 240 fotogramas por segundo, o que rexistra unhas imaxes naturais e suaves.
Sony tamén está a preparar o lanzamento de televisores 3D en 2010, así como unha actualización da PlayStation 3 para permitir o aproveitamento destes televisores dende o primeiro momento, facilitando non só a visualización de películas 3D en Blu-ray, senón tamén de multitude de videoxogos.

PUBLICIDADE