Sony presenta un sistema de iluminación que acende o televisor cando estamos presentes

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Utilizando tecnoloxía de iluminación LED de Toshiba, que permite xerar ambientes diferentes, Sony presenta a súa Multifunctional Light, que permite o seu control e programación mediante smartphones ou outros dispositivos Wi-Fi, na liña doutras lámpadas conectadas, pero neste caso intégrase iluminación en movemento, sensores de humidade e temperatura, control por infravermellos, altofalantes e micrófono.
A Multifunctional Light busca conseguir cousas diferentes ao que estamos afeitos, como facer que se detecta que o usuario está nunha habitación, se acenda automaticamente o televisor ou o aire acondicionado; pode funcionar tamén como sistema de intercomunicación entre habitacións, controlar o termóstato, reproducir música, funcionar como detector de movemento para activar unha alarma ou gravar e reproducir mensaxes. Todo isto pode facerse a través dunha aplicación móbil, de xeito que este sistema de iluminación practicamente se convertería no cerebro do fogar dixital.
Este novo produto comezará a comercializarse no Xapón durante a primeira metade de 2016, o que servirá como proba de mercado desta solución que prevese que despois chegue a EE.UU. e Europa.

Vídeo promocional da Multifunction Light

PUBLICIDADE