Sony presenta a cámara dixital con obxectivos intercambiables máis rápida do mundo

mércores, 12 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Sony está a anunciar a súa nova cámara α6000 como a cámara dixital con obxectivo intercambiable con enfoque automático máis rápido do mercado, xa que é capaz de enfocar suxeitos con nitidez en só 0,06 segundos, facilitando que poida capturarse con calidade os instantes máis fugaces e espontáneos, contando tamén con grandes detalles grazas ao sei sensor CMOS Exmor APS HD de 24,3 Mpíxeles e o procesador BIONZ X.
Esta cámara sen espello comercializarase en dous deseños diferentes (en negro e en titanio), de xeito que non só é máis lixeira e compacta que unha réflex, senón que tamén é bastante elegante.
Tamén destaca o seu disparo continuo de 11 imaxes por segundo con seguimento de enfoque automático de alta precisión, que tamén pode empregarse ao gravar vídeo.
Para facilitar compartir fotografías no móbil a cámara conta con NFC e Wi-Fi, o que pode empregarse para enlazar un smartphone ou un tablet coa cámara para ver as fotografías no noso dispositivo móbil ou incluso para empregalo como mando a distancia.
Esta nova cámara dixital de Sony sairá á venda en abril a un prezo que parte dos 649 euros, estando xa dispoñible para a súa reserva.

A cámara permite empregar o smartphone como mando a distancia
Podemos ver as imaxes tomadas coa cámara en dispositivos móbiles grazas á conectividade Wi-Fi



A cámara poderase mercar cunha funda que a protexe durante o transporte


Ollada en vídeo á nova cámara de Sony

PUBLICIDADE