Sony potenciará o xogo en rede e a reprodución de ficheiros multimedia na PS3

luns, 30 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Aínda que Sony lidere as vendas tradicionais de videoxogos, Microsoft fai o propio coa comercialización a través da Internet grazas ó seu Xbox Live (que combina servizos de pago e de balde), polo que Sony reacciona anunciando o lanzamento da PlayStation Network, que permitirá ós xogadores chatear mentres participan en xogos en rede.
Para acadar máis éxito cos esta iniciativa, Sony non cobrará polas partidas en liña, de xeito que agardan que se popularice o xogo en rede coa súas consolas, posto que actualmente non acadan nin o 10% de xogadores en liña, mentres que a Xbox 360 conseguiu chegar a un 60% de xogadores en rede.
Esta novidade de Sony coincide coa publicación da listaxe de formatos de ficheiros que soportará a PS3, que parece ser prometedora, pois, aparte de ler os distintos discos CD (incluíndo o Super Audio CD), DVD e Blu-ray, poderá reproducir vídeo nos formatos máis populares (MPEG-1, MPEG-2, MPEG-4 AVC e MPEG-4 SP), música (en formatos ATRAC, AAC, MP3 e WAV) e imaxes (JPEG, GIF, PNG, TIFF e BMP) o que agradecerán moitos usuarios que terán así unha nova plataforma dende a que reproducir os ficheiros que descarguen da Internet.

PUBLICIDADE