Sony non estará no Mobile World Congress

xoves, 13 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

A GSMA mantén o Mobile World Congress de Barcelona entre o 28 de febreiro e o 3 de marzo, pero a situación sanitaria global está a levar a que xa haxa compañías que recoñezan publicamente que non acudirán presencialmente, como é o caso de Sony, a primeira grande empresa tecnolóxica que cancela a súa asistencia, aínda que dende a organización do evento apuntan a que xa non estaba prevista a súa participación.
Resulta bastante sorprendente a postura da GSMA, que defende a celebración presencial do evento pese á ridícula edición do CES hai poucos días (na que houbo importantes anuncios, pero todos en presentacións virtuais) e ao feito de que a feira E3, prevista para o mes de xuño, xa confirmase que será dixital.
É de esperar que, se o evento non se cancela, a industria apoirá masivamente o Mobile World Congress, respectando a súa data para presentar novos produtos, pero minimizando a presenza física para evitar riscos na actual situación pandémica. Estiman que haberá uns 1.500 expositores (preto da metade dos que había antes da COVID-19) e que será un evento importante, non como a edición de 2021, que mudou de data para converterse nunha cita irrelevante (xa que as empresas non podían mudar todo o seu calendario de lanzamentos por unha única cita).
En calquera caso, nas vindeiras semanas non faltará a polémica, xa que é previsible que bastantes fabricantes manifesten a súa intención de non acudir a Barcelona, provocando comentarios sobre a irresponsabilidade de organizar unha grande feira tecnolóxica en plena pandemia.

PUBLICIDADE