Sony integra un altofalante nas súas novas lámpadas LED regulables

martes, 12 de maio do 2015 Marcus Fernández

Para conseguir unha mellor ambientación en diferentes contornos do fogar Sony comezará a comercializar o vindeiro día 23 no Xapón as súas novas lámpadas LED LSPX-10E26J, que custarán 24.000 iens (178,76 euros) e poderían substituír unha lámpada ordinaria para conseguir achegar nun único elemento iluminación e música, xa que este trebello combina unha lámpada LED regulable de 360 lumenes e un altofalante de 2 watts, que pode controlarse a través de Bluetooth 3.0 e emparellarse mediante NFC.
Estas novas lámpadas van na liña das lámpadas LED que vemos actualmente no mercado, de xeito que só consumiría 7 watts para iluminar. Miden 116 x 61 milímetros, pesan 205 gramos e serían aptas para colocar na cociña, no cuarto de baño, no salón, no dormitorio... creando unha boa ambientación mediante o control do seu brillo e do volume da súa música, para o que conta cun mando a distancia, aínda que pode resultar máis cómodo o seu control mediante unha aplicación para smartphones (iOS e Android). Unha interesante solución para levar a música a localizacións nas que non hai un enchufe preto ou queira camuflarse a presenza dun altofalante.


Vídeo promocional das novas lámpadas LED con altofalante de Sony

PUBLICIDADE